Carlos Tejo comeza a súa traxectoria artística no ano 1991, coincidindo coa súa licenciatura en Belas Artes pola Facultade Politécnica de Valencia. Catro anos máis tarde, recibe a súa primeira bolsa importante e decide trasladarse a La Habana onde consegue permanecer case un ano. A experiencia en Cuba transforma a súa práctica artística, pasando dun facer relacionado coa pintura abstracta a un interese moito máis narrativo e mais perto da figuración. O corpo e a intimidade convértense en aspectos centrais do seu discurso, combinando a pintura cun interese crecente pola fotografía. Neste tránsito, o procesual tivo un protagonismo cardinal fronte á resolución formal do obxecto como produto final. Temáticas como o tempo, o efémero e outras cuestións de índole máis política e social comezan a aparecer de modo recorrente. A finais de 1997, o seu traballo céntrase no medio fotográfico e o vídeo entendidos como ferramentas de proxectos abertos. Nos anos seguintes, é beneficiario de bolsas e axudas que o levan a residir en cidades como São Paulo, Varsovia, París ou Colonia. Entre 2000 e 2002 vive a cabalo entre os EE.UU. e España. Será na cidade de Seattle onde ten a oportunidade de ampliar os seus coñecementos no campo fotográfico e onde comeza a manifestar un marcado interese polo performativo. A súa práctica artística a partir de 2006 está centrada na performance onde, sen abandonar medios como a fotografía ou o vídeo, permanece na actualidade.

carlos.tejo.veloso@gmail.com