Dez clixés da performance
Performance

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)
Santiago de Compostela (España)
Fotografías: Alba Blanco
3/12/2016

A performance comeza cunha chiscadela á coñecida acción Imponderabila de Ulay e Marina Abramovic na que os asistentes acceden ao espazo de un en un a través dunha porta case pechada. No noso caso, no momento de entrar, faciamoslles entrega dunha tarxeta negra onde aparece o título da proposta: 10 clixés da performance. Unha vez que o público accede ao interior, distribúo, unha por unha, dez tarxetas. En cada unha destas tarxetas, pódese ler unha frase que alude a unha estratexia formal ou conceptual da performance que, de tanto usala, converteuse en clixé. A mecánica da performance é sempre a mesma: despois de entregar unha tarxeta o seu contido é parodiado cunha pequena acción. Estes son os clixés que se mencionan: 1. Cultivar a tensión, 2. Buscar o absurdo, 3. Romper, destruír, queimar, 4. Transmitir enerxía, 5. Autoagredirse, 6. Executar actos mecánicos de xeito obsesivo, 7. Emitir sons inquietantes, 8. Engulir-Expulsar, 9. Descontextualizar o obxecto e 10. Espirse. Para poder concluír, pedimos a súa cooperación. Se lle apetece, pode espirse e manterse nese estado o tempo que vostede considere oportuno. Se no prazo de tres minutos ninguén queda espido, esta performance darase por rematada. Grazas de antemán pola súa colaboración.

A performance conclúe coa distribución da tarxeta número dez que, como se pode ler, coloca á audiencia nun compromiso real, abrindo a porta a un final incerto, pero realmente performativo.