De novo, desaparecer
Performance
New Space Arts Foundation, Huế, Vietnam
Fotografías: New Space Arts Foundation
06/05/2025
En De novo, desaparecer, o xesto de cuspir adquire un novo significado: convértese nun acto de entrega, máis que de rexeitamento. A proposta toma a forma dun ritual: un xesto cíclico, repetitivo, que convida á introspección. A saliva —carga biolóxica, íntima e irrepetible— diríxese ao interior dun xerro. Lonxe de ser unha expresión de desprezo, cuspir transfórmase aquí nunha ofrenda viva, nun xeito de transferencia simbólica: dar fóra algo que me pertence. O xerro empregado non é un mero recipiente. Foi adquirido nun mercado da cidade de Huế, onde residín durante un tempo. Na cultura vietnamita, obxectos coma este adoitan utilizarse como vehículos simbólicos na veneración aos devanceiros. Ao incorporalo á performance, apropíome desa carga cultural para render homenaxe a unha amiga moi querida, recentemente falecida. A acción culmina cando coloco o xerro sobre a cabeza, cuberta cunha gasa negra. Tras un tempo en equilibrio, inclino a cabeza: o xerro cae e estala. Esta ruptura reforza a idea de fraxilidade e transformación, condicións inherentes ao ser humano. O xesto final consiste en recoller os anacos para tentar construír unha nova forma. Non se trata de restaurar o perdido, senón de abrir a posibilidade dun novo comezo. De novo, desaparecer, ancorada no corporal e no simbólico, propón unha reflexión sobre a existencia, poñendo o foco non só na perda, senón tamén na capacidade de rexeneración e renacemento.