Algo está voando sobre a miña cabeza
Performance
Comisariado: Artur Tajber
Opcja Gallery. Intermedia Krakow
Cracovia (Polonia)
Fotografías: Artur TaJber e Arti Grabowski
10/05/2018
O uso dunha narración, xa sexa a través de texto escrito, son ou proxección, é unha constante nos meus traballos. Nesta performance, retomo a temática utilizada en Falando comigo mesmo, presentada na Galería Mc Glade de Sidney, hai seis anos.
A audiencia séntase nun círculo e a acción desenvólvese dentro dese círculo. No centro, hai unha cadeira e un paxaro mecánico de lata que voa describindo un movemento circular repetitivo por riba da cadeira. A performance comeza cando me sento e permanezo inmóbil durante uns minutos. Despois dese tempo, reparto a primeira tarxeta na que se pode ler: Cando fun sincero pola última vez? Unha vez repartida esta tarxeta, volvo ao centro, pero en vez de sentarme, intento construír unha sorte de escultura co meu corpo e a propia cadeira. Pasan uns minutos e reparto a segunda tarxeta na que se pode ler: Cando fun tolerante pola última vez? A interacción coa cadeira repítese a medida que vou repartindo o resto das tarxetas. O paxaro non para de voar e de facer un barullo estraño durante todo o tempo que dura a acción. Nas outras tarxetas pódese ler: Cando fun xeneroso pola última vez?, Cando fun valente pola última vez?, Cando fun leal pola última vez? e Cando fun feliz pola última vez? Despois de ter repartida a última tarxeta, comezo a facer pompas de xabón ao lado do público durante uns minutos. Fin da performance.